Logo dun longo descanso involuntario, retomamos a comunicación neste espazo con ilusión.
Este ano a nosa curiosidade estará posta nas ARTES.
Sabiamos que a música é unha linguaxe que pertence ao universo artístico, pero descoñeciamos por que se chamaba así, entón puxémonos a investigar...
E descubrimos que a palabra MÚSICA ven do grego e quere dicir "A ARTE DAS MUSAS".
As musas eran as nove fillas de Zeus e Mnemósine (deusa da memoria), e polo visto eran as encargadas de animar cantando e danzando as festas dos deuses do Olimpo. Seica tiñan unhas voces marabillosas, e a elas debémoslle o nome de todo o que facemos co SON.
Os artistas cando necesitan inspiración agardan a súa visita.
Elas son
CALÍOPE: a musa inspiradora dos que escriben poesía épica, aquela poesía que conta aventuras de heroes.
ERATÓ: musa dos que escriben poesía lírica, a que expresa os sentimentos do propio poeta.
POLIMNIA: musa dos creadores de cantos sagrados e himnos dedicados aos deuses.
EUTERPE: musa da música e dos tocadores de frauta.
CLÍO: musa da historia.
URANIA: musa da astronomía.
TERPSÍCORE: musa da danza.
MELPÓMENE: musa da traxedia, que é o teatro grego que representaba historias de deuses, heroes e reis. Rematan sempre de maneira fatídica coa morte ou destrución do personaxe principal.
TALÍA: musa da comedia, teatro que representaba escenas con personaxes comúns que provocaban risa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario