Gústanos pensar que todo obxecto é potencialmente un instrumento, ou varios nun mesmo corpo ás veces. Depende do que fagamos con el e como o fagamos soar.
Por iso é que nos gusta tamén a clasificación que pon a atención sobre cal é o material vibrante de cada obxecto, o que produce o son en definitiva. Nesta clasificación caben todos, os instrumentos propiamente ditos e tamén calquera obxecto que sexa quen de producir son.
AERÓFONOS
Os aerófonos (aero: aire; fonos: que soa), son todos aqueles instrumentos e obxectos nos que o son é produto do aire vibrando.
Neste grupo están
os de bisel: todas as frautas (tamén as de pan e o chifro), as botellas se as sopramos, case todos os reclamos de paxaros que temos na aula, as tapas de bolis, a propia ventá se a deixamos un pouquiño aberta e hai vento fóra.....
O que ocorre neles é que o aire se rompe nese bisel, nese borde afiado, e ao romperse produce son.
Aquí tedes os da península
Aquí unha "tarkeada", un conxunto de tarkas, instrumento andino.
Tamén están os aerófonos
de lingüeta: o clarinete, saxofón, óboe, acordeón, harmónica, a gaita, as bucinas, moitos xoguetes dos que se apretan, as pallas de centeo....
Hainos de lingüeta simple ou dobre, e o funcionamento consiste en facer vibrar esas lingüetas co aire (ás veces soprando, outras apretando un fol -como na gaita, nos xoguetes e no acordeón), e á súa vez, a vibración das lingüetas é a que fai vibrar o aire contido nunha columna ou tubo.
Por último, están os aerófonos
de boquilla.
Trompeta, trombón, tuba, trompa, cornos de boi, buguinas de cuncha, didgeridoo, calquera tubo no que os nosos beizos vibran.
Ese é o funcionamento nos de boquilla, os nosos beizos facendo "pedorretas" son os que fan vibrar a columna de aire.
Se premedes
AQUÍ, tedes todos os aerófonos da nosa terra. Tamén no cadro que aparece na columna da dereita na versión web deste blog, chamado
INSTRUMENTOS GALEGOS.