Amosando publicacións coa etiqueta 5º. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 5º. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de xuño de 2020

Bo verán!!!

Hoxe empeza o verán, tamén é a festa da música....

Despois destes meses atípicos comezan as vacacións, e eu vouvos propoñer que aproveitedes un momentiño de cada día para:

BAILAR!!!


Xa sabemos todos os beneficios que aporta a danza ao noso corpo, mente e emoción:

  • mellora a autoestima
  • fomenta a creatividade
  • fortalece o corazón
  • pon a funcionar o "cuarteto da felicidade" (endorfina, dopamina, serotonina e oxitocina)
  • deixa fluír as emocións dándolle unha saída corporal
  • aumenta a enerxía
  • favorece a expresión con liberdade
Face unha lista coas vosas cancións favoritas e...

Bailade sen pensar, deixade que mande o corpo, pechade os ollos se podedes...

BAILADE COMA SE NINGUÉN VOS ESTIVESE MIRANDO!!!

GOZADE!!! 

VÉMONOS EN SETEMBRO. BO VERÁN!!!

mércores, 10 de xuño de 2020

Unha proposta máis

No debuxo da PAISAXE DE PRIMAVERA hai polo menos 13 sons diferentes.
Propóñovos que elixades un dos sons e o imitedes vocal ou corporalmente (non podedes empregar obxectos), o gravedes e mo enviedes a musisabel2@gmail.com ou por whatsapp ao 607409217.

Cando elixades son facede un comentario e revisade os anteriores. Ata que non se completen os 13 non poderedes repetir sons. Fixádevos se o que elixistes non está collido xa.

Un, dous, tres.....GRAVANDO!!!

luns, 8 de xuño de 2020

Paisaxe primaveral

Se observamos este debuxo (que non soa) polo miúdo, case podemos intuír a súa banda sonora. Ampliade a imaxe picando nela e elixide polo menos 3 sons que vexades, como se fose unha partitura.
Mencionádeo nun comentario.


venres, 22 de maio de 2020

Depo-ritmos

Aquí vai unha nova proposta.
Trátase de facer un ritmo en familia utilizando obxectos de deporte, os que teñades máis a man. Xogades, improvisades, probades cousiñas e cando teñades a idea rítmica ensaiades e gravades. 

Nós non tiñamos moita cousa por aquí, só un par de palas de velcro, os tenis e un abanico de tai chi. Todos eles idiófonos máis a pelota, que sabemos que é un membranófono. 


xoves, 21 de maio de 2020

Os instrumentos. Electrófonos

A familia dos electrófonos foi a última en entrar a esta clasificación de instrumentos pensada por Erich von Hornbostel e Curt Sachs, dous musicólogos de Austria e Alemaña. Isto sucedeu en 1940, aínda que algúns deles apareceron moito antes, a finais do século XIX.

Existen dous tipos:

Os electromecánicos, onde a vibración se produce mecánicamente (ou sexa que de base son idiófonos, membranófonos, aerófonos ou cordófonos) aínda que se modifique electrónicamente o seu son. Tal é o caso, por exemplo, do baixo ou a guitarra eléctrica: son cordófonos, pero se non os enchufamos non soan, porque non teñen caixa de resonancia ou porque a intensidade que se pretende non se consegue sen amplificar. Precisan da electricidade para soar. 

Nos electrónicos, o propio son é resultado dun proceso electrónico. Como no THEREMIN, lembrades?


mércores, 20 de maio de 2020

Os instrumentos. Cordófonos III

Dos cordófonos que adoitan ser percutidos, o PIANO é o máis coñecido. Cada vez que tocamos unha tecla actívase un mecanismo cun martelo que percute a corda. Aquí vese ben:




O clavicordio, o címbalo húngaro, o santur, o dulcémele ou o salterio tamén se percuten.



No baixo eléctrico utilízase unha técnica chamada SLAP na que se percute a corda co dedo polgar.




E o berimbau do Brasil, un dos meus preferidos, é descendente do arco musical, probablemente o cordófono máis antigo da historia.

martes, 19 de maio de 2020

Os instrumentos. Cordófonos II

Entre os cordófonos que adoitan ser pulsados atopamos a guitarra, o ukulele, o charango, a arpa, os da familia da corda na orquestra (violín, viola, violoncello e contrabaixo) cando fan pizzicato beliscando a corda, o laúde, o banjo, a cítara, a kora africana, a mandolina, o guitarrón, etc.

Hai algúns que contan con cordas "simpáticas". Lembrades a vibración por simpatía que experimentamos o ano pasado na aula?
Pois así, estes instrumentos teñen cordas que non fai falla tocar, resoan cando algunha outra corda vibra coma elas.

Algunhas zanfonas que constrúe Carlos do Viso teñen esas cordas simpáticas.

Pero sen dúbida o instrumento máis coñecido con cordas simpáticas é o sitar da India. Ten os trastes (como os da guitarra) suspendidos en vez de pegados ao mastro, entón se se presiona conséguese estirar a corda e obter os glissandi caraterísticos deste instrumento.



Outro antigo cordófono pulsado é a espineta, na que as cordas son pulsadas cuns plectros accionados por medio dun teclado.



E lembrades a valiha de Madagascar? A da viaxe da folliña seca...



LEMBRADE QUE AS PALABRAS EN AZUL TEÑEN HIPERLIGAZÓNS, E SE PREMEDES NELAS ATOPAREDES MÁIS INFORMACIÓN.

luns, 18 de maio de 2020

Os instrumentos. Cordófonos I

Os cordófonos son instrumentos ou obxectos nos que o son se produce ao facer vibrar unha corda tensa. É moi importante que estea tensa.

Para facer vibrar unha corda podemos facer diferentes cousas: pulsala co dedo, unlla ou plectro; fretala cun arco ou diferentes obxectos; e percutila.

Aínda que hai cordófonos que se consideran únicamente fretados (como o violín), pulsados (como a guitarra) ou percutidos (como o piano), sabemos (porque xa o probamos na aula de música), que as cordas do violín tamén se  poden percutir ou pulsar; que as da guitarra tamén podemos percutilas ou fretalas; e que as do piano tamén poden -se abrimos a tapa e accedemos a elas- ser fretadas ou pulsadas.

A zanfona é un instrumento no que unha roda freta as cordas en lugar dun arco, co cal se consegue un son contínuo (o arco pode ir para arriba ou para abaixo pero cando se acaba o seu percorrido ten que cambiar de sentido e o son córtase). Neste instrumento hai cordas "cantantes", que son as que fan a melodía; e bordóns, que soan sempre igual (como o ronco da gaita). Para cambiar a altura das cordas cantantes, unhas espadelas pisan estas cordas como fan os dedos no mastro da guitarra, só que na zanfona son accionadas a través dun teclado.

Aquí tedes a Luis Correa explicando, tocando e cantando.



E aquí o programa Alalá sobre Carlos Do Viso, artesán, músico.... e pai da nosa Carme de 5ºA, tamén zanfonista!!!!


Xuntos forman o grupo SOBRE RODAS

venres, 15 de maio de 2020

Os intrumentos. Membranófonos

A estas alturas xa saberedes que os membranófonos son instrumentos ou obxectos nos que o son se produce pola vibración dunha membrana.

Temos na aula de música unha chea deles: pandeiretas, pandeiros, timbais, tambor, bombo....mesmo temos timbaliños feitos por nós.

LEMBRADES?

E tamén utilizamos ás veces o TUBO DE TRONOS, o TAMBOR CHAMÁNICO, a CAJA CHAYERA e fixemos timbais de globo: "GLOBÓFONOS".

Este ano decatámonos de que todos os BALÓNS que levan aire dentro e non son ríxidos, funcionan como membranófonos se os golpeamos ou percutimos...

Hainos de marco, como a pandeireta e o pandeiro; con caixa de resonancia, como os timbais, o tambor e o bombo; cunha membrana (timbais) ou dúas (todos os tambores -menos o chamánico que é en realidade un pandeiro a pesar do seu nome).

E pódense percutir, rascar, soprar, sacudir no caso do tubo de tronos.....


No caso da CUICA (Brasil) e da ZAMBOMBA (península Ibérica) frétase un pau atado á membrana. A vibración do pau transmítese á membrana, e a altura do son modifícase estirando ou soltando a membrana coa man que queda libre. A única diferenza é que na CUICA o pau vai dentro da caixa e non se ve, e na ZAMBOMBA vai fóra.




Mesmo este experimento que fixeramos o ano pasado na aula de música utiliza un membranónofo que vibra por simpatía. Lembrades?


xoves, 14 de maio de 2020

Os instrumentos. Idiófonos

Os IDIÓFONOS (idio: propio, persoal, particular; fono: que soa) son todos aqueles instrumentos nos que o que vibra é o seu propio corpo.

É un grupo moi extenso, e temos moitos destes na aula e no cotián. Piñas, cunchas, culleres, pratos, crótalos, ferriños e ferriñas das pandeiretas, cabazas, maracas, paus, caixas chinesas, cuenco tibetano, tingshas, gong.... e un longo etc.

Podemos agrupalos polo material (metal, madeira, pedra, plástico, vidro, etc.) e tamén polo modo de acción sobre el (rascar, rozar, percutir, entrechocar, sacudir...)

Aproveitando que falamos deles, vouvos compartir unha cantiga preciosa acompañada deste instrumento que se parece moito aos nosos mecanismos de caixiña de música da aula. É Germán Díaz, outro virtuoso, musicando un texto de Paula Carballeira.



Tamén este LITÓFONO prehistórico,  instrumento de placa da prehistoria. (lito quere dicir pedra, e fono xa sabemos)

martes, 12 de maio de 2020

Os instrumentos. Aerófonos.

Gústanos pensar que todo obxecto é potencialmente un instrumento, ou varios nun mesmo corpo ás veces. Depende do que fagamos con el e como o fagamos soar.
Por iso é que nos gusta tamén a clasificación que pon a atención sobre cal é o material vibrante de cada obxecto, o que produce o son en definitiva. Nesta clasificación caben todos, os instrumentos propiamente ditos e tamén calquera obxecto que sexa quen de producir son.

AERÓFONOS

Os aerófonos (aero: aire; fonos: que soa), son todos aqueles instrumentos e obxectos nos que o son é produto do aire vibrando.

Neste grupo están os de bisel: todas as frautas (tamén as de pan e o chifro), as botellas se as sopramos, case todos os reclamos de paxaros que temos na aula, as tapas de bolis, a propia ventá se a deixamos un pouquiño aberta e hai vento fóra.....

O que ocorre neles é que o aire se rompe nese bisel, nese borde afiado, e ao romperse produce son.

Aquí tedes os da península




Aquí unha "tarkeada", un conxunto de tarkas, instrumento andino.




Tamén están os aerófonos de lingüeta: o clarinete, saxofón, óboe, acordeón, harmónica, a gaita, as bucinas, moitos xoguetes dos que se apretan, as pallas de centeo....
Hainos de lingüeta simple ou dobre, e o funcionamento consiste en facer vibrar esas lingüetas co aire (ás veces soprando, outras apretando un fol -como na gaita, nos xoguetes e no acordeón), e á súa vez, a vibración das lingüetas é a que fai vibrar o aire contido nunha columna ou tubo.



Por último, están os aerófonos de boquilla.

Trompeta, trombón, tuba, trompa, cornos de boi, buguinas de cuncha, didgeridoo, calquera tubo no que os nosos beizos vibran.

Ese é o funcionamento nos de boquilla, os nosos beizos facendo "pedorretas" son os que fan vibrar a columna de aire.



Se premedes AQUÍ, tedes todos os aerófonos da nosa terra. Tamén no cadro que aparece na columna da dereita na versión web deste blog, chamado INSTRUMENTOS GALEGOS.

luns, 11 de maio de 2020

A danza dos flamengos. Proposta para toda a familia de Reboreda.

Investigadores franceses estudaron as exhibicións rituais de 3.000 flamengos de entre 4 e 35 anos de idade durante dúas épocas de cría consecutivas, en 2014 e 2015. Observaron que canto máis complexa é a súa danza, máis probabilidades teñen de atopar parella e descendencia ese ano.

A danza dos flamengos comúns ten nove pasos. Os animais adoitan executar entre dous e oito posturas distintas cada cinco minutos, e de dúas a dezasete transicións. Algunhas destas posicións permítenlles exhibir as cores da plumaxe das súas as: vermello e negro. A cor carmesí provén de sustancias que inxiren na súa dieta, e polo tanto revela o seu estado físico actual, mentres que o negro é indicativo da súa calidade xenética.





Ben, pois aquí vai a PROPOSTA:

Ides elixir unha música instumental (sen letra) que vos guste, ides pensar en OITO movementos diferentes que repetiredes OITO veces cada un, pasando ao seguinte. Se se vos acaban os "pasos" ou movementos antes que a peza, volvedes comezar tantas veces como faga falla. Podedes crear un movemento só para o final, unha especie de coda.
Sería xenial que participase toda a familia!!!

A partitura da vosa danza quedaría así, máis ou menos:

𝄆○○○○○○○○ ◈◈◈◈◈◈◈◈ ◍◍◍◍◍◍◍◍ ▧▧▧▧▧▧▧▧
◎◎◎◎◎◎◎◎ ◬◬◬◬◬◬◬◬ ⬟⬟⬟⬟⬟⬟⬟⬟ ⬖⬖⬖⬖⬖⬖⬖⬖ 𝄇    (coda final optativa)


AQUÍ tedes a ligazón ao artigo sobre os flamengos.

A CREAR!!!

venres, 8 de maio de 2020

Boa finde!!!

Déixovos tres cantigas que me chegaron hoxe. Paga a pena escoitar as letras e reflexionar.
Nas dúas primeiras, os beneficios están dedicados a causas relacionadas co COVID-19-




E ademáis poderíadesme dicir que instrumentos escoitades en Illas de sal?

Boa finde!!!
Gozade dos paseos e coidádevos moito!!!

luns, 27 de abril de 2020

Paisaxes sonoras

Olaaaa!!!

Vouvos propoñer un xogo.

Agora que xa podedes saír a dar un paseo, vouvos pedir que gravedes (pode ser coa tablet, coa gravadora de voz do móbil...) unha paisaxe sonora de dentro ou fóra da casa, nun momento concreto do día, nun espazo concreto tamén... O resto imos ter que descubrir de que espazo se trata, que momento do día...  e todos os elementos sonoros que alí aparecen.
Hai que afinar moito a orella...

Podedes mandarme o audio a musisabel2@gmail.com e eu subireino aquí. Non me contedes NADA, que eu tamén quero xogar.

E o resto imos dicir o que nos parece a través de comentarios. Agardarei tres días para publicalos todos xuntos.

Aquí van dúas pistas miñas para comezar.





mércores, 22 de abril de 2020

Percusión miúda galega. Piñas, culleres e cunchas.

A nosa percusión é moi variada, moi diversa e conta, entre outros obxectos, coas piñas (se colledes no monte que non sexan máis de dúas), as culleres que tod@s temos na casa, e as cunchas de vieira, que non son difíciles de conseguir. As piñas e as cunchas son instrumentos cos que nos agasalla a nai natureza, e as culleres de madeira, malia que hai que darlles forma, tamén!

As tres son idiófonos, é dicir: o elemento vibrante é todo o corpo do instrumento.

Imos lembrar un pouco como é a técnica básica para poder acompañar as nosas cancións.







Xa fun a Marín. 4º, 5º e 6º

O outro día Román fíxome lembrar esta peza, unha das primeiras que aprendín coa gaita.
É bonita, é sinxela, sábea todo o mundo....

A CANTAR!!!

O retrouso podédelo cantar tamén coa letra de Román:

Xa fun a Marín,
as pernas che vin,
por un buratiño
que tes no mandil.

E as coplas poden ser calquera, mentres teñan catro versos de 8 sílabas e lle poñades un Ai! diante de cada verso. Mesmo podedes inventalas!!!

Podedes acompañala co xogo de mans de Román, co ritmo das panadeiras, coas piñas, coas culleres...



Así que tedes traballo!!!

4ºA e 4ºB poden aprender o retrouso:



5ºA e 5ºB poden aprender a copla tamén, ademais do retrouso.




E 6ºA e 6ºB pódena aprender enteira na súa 2ª voz, na 2ª oitava. Lembrade destapar medio buratiño do polgar da man esquerda!!!




Déixovos tamén as partituras.
































































MANDADE VÍDEOS!!!
musisabel2@gmail.com


MOITOS BICOSSSSS 

xoves, 16 de abril de 2020

O ritmo das “panaderas”

Olaaaaaa!!!

Hoxe temos traballo. Para toda a familia de Reboreda!
Xa veredes o adictivo que é este acompañamento...


Déixovos tamén esta cantiga que aprendín co meu querido grupo Amalghama, onde compartimos música, alegría e cariño.
É a Pandeirada de Brión e as coplas falan da intelixencia de todo o que nos rodea, por moi pequeno ou insignificante que pareza. E no retrouso fala do amor nun sentido amplo, onde cabe todo iso do que falaba antes...



martes, 14 de abril de 2020

Para subir a enerxía!!!

Hai moito tempo faláramos no blog de que a música e a danza son coma irmás xemelgas, non podemos dicir cal naceu primeiro.

Cada cultura danza ao seu xeito, coma unha maneira de comunicaciónn cara dentro ou cara fóra, e con funcións ben diferentes.

Premendo AQUÍ atoparedes esa publicación con vídeos ben chulos!

Así é que en África á danza pon toda a súa forza nos pés e na conexión coa terra. É unha danza moi enerxizante.

Probade!!!

Aquí tedes unha clase en vídeo:


E aquí un vídeo dunha danza zulú.

luns, 30 de marzo de 2020

Áureas. Ritmos bailables nos ‘20

Naqueles tempos convivían ritmos bailables de épocas anteriores como a polca, o valse e a mazurca, orixinarios do centro de Europa e espallados polo mundo a finais do século XIX da man do acordeón, con outros ritmos foráneos que, en maior ou menor medida, ían chegando pola radio. Certo é que non chegaban ao mesmo tempo as zonas rurais que ás cidades, e dentro destas últimas, habíaas máis ou menos cosmopolitas. Todo isto sumado ao folklore e música popular de cada sitio, claro.

Algúns dos ritmos interpretados por Áureas son:

Muiñeira: a danza popular galega por excelencia. O seu ritmo é binario con subdivisión ternaria, báilase solto en parella.

Polca: danza nacida no século XIX en Bohemia, cuxo nome fai alusión ao xeito “polaco”.
Rápidmente estendeuse por toda Europa e chegou a América. Ten un compás binario de ritmo trepidante e báilase agarrado en parella.

Valse: nacido no século XII en Centroeuropa, chegou a todos os recunchos do planeta, readaptándose e collendo características propias de cada cultura. Segue a ter un lugar moi destacado dentro dos bailes agarrados. É de ritmo ternario e báilase agarrado en parella.

Mazurca: Xunto coa polca foi o baile de moda en toda Europa durante o século XIX, chegando a estenderse tamén ao resto do mundo. De ritmo ternario, igual que o valse, báilase en parella.

Tango: Nace no Río da Prata (Arxentina e Uruguai), froito da mestura de culturas inmigrantes europeas e ritmos negros. Ten ritmo binario e báilase agarrado en parella.

Choro: Nace en Brasil popularizado como chorinho, ten ritmo alegre a pesar do nome. É binario.

Foxtrot: O ritmo de moda por excelencia nos anos ‘20, nace en Estados Unidos coas primerias orquestras de jazz. Ten ritmo binario e pódese bailar en parella ou en solitario, solto ou agarrado.

Klezmer: Provén de Europa do leste e pode ter diferentes ritmos e escalas.

Pasodobre: Un dos ritmos máis bailados dentro dos agarrados. A súa orixe é española. Ten ritmo binario e báilase agarrado en parella. O paso base consiste en camiñar no pulso.

Son cubano: nace en Cuba a finais do século XIX, froito da fusión entre as tradicións musicais africanas de orixe Bantú e as españolas. Ten ritmo binario.

SE PREMEDES ENRIBA DOS RITMOS VEREDES VÍDEOS DAS DANZAS. 

E SE VOS ATREVEDES A BAILAR ALGÚN DELES OU FACER BAILAR ALGÚN OBXECTO E GRAVALO.....

ENCANTADA DE COMPARTILO!!!

A MOVER O ESQUELETE!!!

venres, 27 de marzo de 2020

Atención 6º, 5º... e quen queira!!!

Ola!!!
Está sendo ben raro ensinar cancións a unha cámara!!!

Porfa mandádeme vídeos, audios... o que queirades a:
musisabel2@gmail.com

Imos con este CALIPSO!!!

É un canon a tres voces con percusión corporal.


  1. Se é que estás buscando un Calipso, isto tes que facer:
  2. Colle un ritmo e méteo no corpo, móvete que móvete que móvete que móvete
  3. Canta unha canción, toca o teu tambor fai o Calipso nacer
Aquí vai a percusión corporal


Aquí tedes a canción:

E aquí déixovos vídeo de como o fixemos co coro Cantares do Brión nun encontro ben bonito, de cando aínda podíamos xuntarnos a cantar, a facer música...