venres, 21 de decembro de 2018

Teléfono de fíos

Experimentamos co teléfono de fíos, o precursor do teléfono, e comprobamos a velocidade de transmisión do son a través dun sólido (o fío tenso).
A voz dentro do vaso, as pequenas percusións nel, o rozar a propia corda tensa ->

AMPLIFÍCANSE NO VASO, QUE FUNCIONA COMO CAIXA DE RESONANCIA,
VIAXAN A TRAVÉS DO FÍO...

e o que é inaudible á distancia a través do aire, escóitase instantáneamente no outro estremo do fío.

martes, 18 de decembro de 2018

Propagación no medio líquido

Xa miramos no cadro que o son viaxa máis rápido no medio líquido que no gasoso. Tamén que a auga salgada permite máis velocidade que a doce.
Grazas a iso os grandes cetáceos comunícanse a mar de ben (aínda que os separen centos de kilómetros) e empregan a ecolocalización para sortear obstáculos.

Nós, na aula de música, propuxemos algúns experimentos para facer na casa:
  1.  aproveitar o momento do baño para mergullar as orellas debaixo da auga da bañeira e comparar como escoitamos bater un par de culleres dentro e fóra da auga. 
  2. o mesmo pero na piscina, pedirlle a alguén que nos falase dende fóra, batese na auga ou deixase caer unha pelota.
As conclusións foron que todo o que é percutido DENTRO amplifícase, pero o que soa fóra non se percibe con nitidez.

Tamén experimentamos con dous globos e, aínda que esperabamos moita diferenza entre o globo enchido de auga e o que tiña aire, a maioría de nós ou non notou diferenza ou simplemente percibiu máis grave o son percutido no globo con auga.


mércores, 5 de decembro de 2018

O son e a súa propagación

Os SONS, de igual xeito que os infrasons e os ultrasons, son ondas mecánicas que se propagan a través da materia (sólida, líquida ou gasosa).

Non se propagan no baleiro.

E curiosamente o noso medio máis habitual para comunicarnos sonoramente, o medio gasoso (aire), é o medio no que máis lentamente viaxan as ondas...

O medio no que mellor viaxan é o medio sólido,  pero non en todos os sólidos igual. Mirade a táboa:


En clase de música fixemos uns experimentos ben bonitos con CAIXIÑAS DE MÚSICA e DIAPASÓNS.