Amosando publicacións coa etiqueta anos '20. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta anos '20. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de marzo de 2020

Áureas. Ritmos bailables nos ‘20

Naqueles tempos convivían ritmos bailables de épocas anteriores como a polca, o valse e a mazurca, orixinarios do centro de Europa e espallados polo mundo a finais do século XIX da man do acordeón, con outros ritmos foráneos que, en maior ou menor medida, ían chegando pola radio. Certo é que non chegaban ao mesmo tempo as zonas rurais que ás cidades, e dentro destas últimas, habíaas máis ou menos cosmopolitas. Todo isto sumado ao folklore e música popular de cada sitio, claro.

Algúns dos ritmos interpretados por Áureas son:

Muiñeira: a danza popular galega por excelencia. O seu ritmo é binario con subdivisión ternaria, báilase solto en parella.

Polca: danza nacida no século XIX en Bohemia, cuxo nome fai alusión ao xeito “polaco”.
Rápidmente estendeuse por toda Europa e chegou a América. Ten un compás binario de ritmo trepidante e báilase agarrado en parella.

Valse: nacido no século XII en Centroeuropa, chegou a todos os recunchos do planeta, readaptándose e collendo características propias de cada cultura. Segue a ter un lugar moi destacado dentro dos bailes agarrados. É de ritmo ternario e báilase agarrado en parella.

Mazurca: Xunto coa polca foi o baile de moda en toda Europa durante o século XIX, chegando a estenderse tamén ao resto do mundo. De ritmo ternario, igual que o valse, báilase en parella.

Tango: Nace no Río da Prata (Arxentina e Uruguai), froito da mestura de culturas inmigrantes europeas e ritmos negros. Ten ritmo binario e báilase agarrado en parella.

Choro: Nace en Brasil popularizado como chorinho, ten ritmo alegre a pesar do nome. É binario.

Foxtrot: O ritmo de moda por excelencia nos anos ‘20, nace en Estados Unidos coas primerias orquestras de jazz. Ten ritmo binario e pódese bailar en parella ou en solitario, solto ou agarrado.

Klezmer: Provén de Europa do leste e pode ter diferentes ritmos e escalas.

Pasodobre: Un dos ritmos máis bailados dentro dos agarrados. A súa orixe é española. Ten ritmo binario e báilase agarrado en parella. O paso base consiste en camiñar no pulso.

Son cubano: nace en Cuba a finais do século XIX, froito da fusión entre as tradicións musicais africanas de orixe Bantú e as españolas. Ten ritmo binario.

SE PREMEDES ENRIBA DOS RITMOS VEREDES VÍDEOS DAS DANZAS. 

E SE VOS ATREVEDES A BAILAR ALGÚN DELES OU FACER BAILAR ALGÚN OBXECTO E GRAVALO.....

ENCANTADA DE COMPARTILO!!!

A MOVER O ESQUELETE!!!

luns, 16 de marzo de 2020

Anos '20. Instrumentos musicais.

Nestes anos conviven os instrumentos folklóricos de cada cultura cos clásicos e tamén aparecen novas invencións derivadas do uso da electricidade ou de cuestións funcionais.
Lembrades o Theremin que trouxo Paulo Pascual o ano pasado?
Pois foi creado no 1928 polo científico, músico e inventor ruso León Theremin. Seica foi mentres probaba unhas alarmas.
CLARA ROCKMORE

Outro dos instrumentos nacidos nos '20 foron as Ondas Martenot,  inventado polo violoncelista francés Maurice Martenot en 1928.
No caso da BATERÍA, o seu nacemento responde a cuestións prácticas e funcionais.
A batería, aínda que é considerada un instrumento, en realidade é un conxunto deles que xa era utilizado por separado nas orquestras e bandas de música. Bombo, pratos, caixa, redobrante ou tambor...
A comezos do século XX, co nacemento do jazz, aparecen pequenas formacións que ven a necesidade de aforrar en músicos, concentrando nunha soa persoa todo o elemento percusivo. Para isto é preciso crear mecanismos de pedais cos que percutir o bombo e nese momento o Low hat. Isto o fai Wilhelm F. Ludwig no ano 1910.



Os loucos anos '20.

Cen anos pasaron xa dende aqueles anos de explosión colectiva en moitos sentidos. Acabara unha guerra e os pobos sentían a necesidade de recuperar a alegría.
Moitos son os inventos e descubrimentos desta década.
  • Póñense en marcha as transformacións herdadas da 2ª revolución industrial.
  • Empréganse novas fontes de enerxía: a electricidade e o petróleo.
  • Os Estados Unidos de Norteamérica convértense na locomotora da economía mundial.
  • Aparece o sistema de crédito para mercar automóbiles, electrodomésticos, teléfonos.
  • Grande esplendor da prensa: aparecen revistas especializadas.
  • A radio ten especial importancia porque chega a todos os recunchos do planeta e se emprega, entre outras cousas, para facer publicidade.
  • Descóbrese a insulina en 1921.
  • Primeiro voo dun autoxiro (helicóptero). Juan de la Cierva en España.
  • Primeiros xogos olímpicos. En Francia, 1924.
  • Nace a televisión en 1926.
  • Primeiro voo sobre o Océano Atlántico. Lindbergh en monoplano, 1927.
  • Fleming descobre a penicilina en 1928.
E moitas tamén as reivindicacións femininas.
Cómpre ter en conta que ás mulleres non lles estaba permitido votar, nin levar pantalóns, nin conducir automóbiles ou bicicletas, nin beber ou fumar en público, nin ir á universidade...
Os movementos feministas reivindican a igualdade de sexos -sobre todo no ámbito familiar-, a ampliación de horizontes laborais e profesionais, a planificación familiar...

Aquí tedes unha listaxe coa data de obtención do voto feminino nos diferentes países:

Déixovos unhas preguntas para que reflexionedes, busquedes información...
Podedes responder facendo un comentario nesta entrada.

  • Credes que acadamos a igualdade? En todo o planeta?
  • Hai algún estado onde aínda non poidan votar as mulleres?
  • Cal foi o último país en permitir o voto feminino?


Áureas, as personaxes.

Na ficción Áureas son cinco mulleres que se coñecen nun transatlántico que vai dende América ata Europa. Isto sucede no bar de a bordo en medio dunha pelexa entre dous viaxeiros que falan unha lingua descoñecida. Mentres unha delas recita un poema para intentar disipar a liorta, as outras aparecen cos instrumentos e conseguen que os ánimos se calmen. Finalmente, a poeta vai buscar o seu instrumento ao camarote e únese á festa. Dende ese momento son inseparables.

Emilia é a única galega. 


Le e fala moitas linguas pero escribe en galego porque o considera unha lingua universal.
En Áureas toca o clarinete.
Personaxe inspirada en Emilia Pardo Bazán.




 

Marie é polaca, 

científica e especialista en radioactividade.
Encántalle andar en bici, percorreu co seu home 
toda Europa neste medio de transporte.
En Áureas toca o saxo alto.
Personaxe inspirada en Marie Curie.

 

 

Alfonsina é arxentina.

Contrariou o destino facéndose poeta.
É mestra e dá clases de teatro, toca a guitarra 
nos bares para gañarse a vida. Escribe poemas.
En Áureas toca a frauta travesa e a gaita.
Personaxe inspirada en Alfonsina Storni.

 

 

Bertha María é brasileira.

Zoóloga de profesión, é sufraxista e defensora
dos dereitos das mulleres.
Gústalle a festa, o baile, a liberdade.
Leva pantalóns.
En Áureas toca a batería e canta.
Personaxe inspirada en Bertha María Lutz.


 

Dorothy é inglesa.

É xornalista e consegue cumplir un soño:
infiltrarse na guerra travestida de home.
En Áureas toca o trombón.
Personaxe inspirada en Dorothy Lawrence.

Áureas no cole

Fai hoxe unha semana metémonos nun túnel do tempo e aparecemos en 1920 para asistir ao concerto de Áureas, cinco mulleres daqueles tempos...
Cantamos, bailamos, aplaudimos...
Foi así:

O nome do grupo é unha homenaxe a unha muller pioneira e valente nun mundo reservado daquela aos homes: ÁUREA RODRÍGUEZ, gaiteira de Cartelle-Ourense (moi preto de Celanova) e mánager do grupo OS MARABILLAS DE CARTELLE.
Movida pola necesidade ao falecer nai e pai, non dubida en crear un medio de subsistencia para ela e os seus irmáns menores: Castor, Felisindo, Manuel, Eliseo y Benigno.
Durante os anos '20 actúan por toda a xeografía galega. Tal é o éxito que rematan traspasando fronteiras e actuando en Madrid e en Bos Aires, cidade á que emigran, probablemente, na década dos '30. 
Cómpre saber que a finais do sécuo XIX, o termo “gaiteira” tiña connotacións negativas, como reflicte un dos primeiros dicionarios galegos, o de Juan Cuveiro Piñol de 1876.
Gaiteiro: o que toca a gaita. Gaiteira: muller de vida alegre, “casquivana”.