Amosando publicacións coa etiqueta muller. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta muller. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de marzo de 2020

Os loucos anos '20.

Cen anos pasaron xa dende aqueles anos de explosión colectiva en moitos sentidos. Acabara unha guerra e os pobos sentían a necesidade de recuperar a alegría.
Moitos son os inventos e descubrimentos desta década.
  • Póñense en marcha as transformacións herdadas da 2ª revolución industrial.
  • Empréganse novas fontes de enerxía: a electricidade e o petróleo.
  • Os Estados Unidos de Norteamérica convértense na locomotora da economía mundial.
  • Aparece o sistema de crédito para mercar automóbiles, electrodomésticos, teléfonos.
  • Grande esplendor da prensa: aparecen revistas especializadas.
  • A radio ten especial importancia porque chega a todos os recunchos do planeta e se emprega, entre outras cousas, para facer publicidade.
  • Descóbrese a insulina en 1921.
  • Primeiro voo dun autoxiro (helicóptero). Juan de la Cierva en España.
  • Primeiros xogos olímpicos. En Francia, 1924.
  • Nace a televisión en 1926.
  • Primeiro voo sobre o Océano Atlántico. Lindbergh en monoplano, 1927.
  • Fleming descobre a penicilina en 1928.
E moitas tamén as reivindicacións femininas.
Cómpre ter en conta que ás mulleres non lles estaba permitido votar, nin levar pantalóns, nin conducir automóbiles ou bicicletas, nin beber ou fumar en público, nin ir á universidade...
Os movementos feministas reivindican a igualdade de sexos -sobre todo no ámbito familiar-, a ampliación de horizontes laborais e profesionais, a planificación familiar...

Aquí tedes unha listaxe coa data de obtención do voto feminino nos diferentes países:

Déixovos unhas preguntas para que reflexionedes, busquedes información...
Podedes responder facendo un comentario nesta entrada.

  • Credes que acadamos a igualdade? En todo o planeta?
  • Hai algún estado onde aínda non poidan votar as mulleres?
  • Cal foi o último país en permitir o voto feminino?


Áureas, as personaxes.

Na ficción Áureas son cinco mulleres que se coñecen nun transatlántico que vai dende América ata Europa. Isto sucede no bar de a bordo en medio dunha pelexa entre dous viaxeiros que falan unha lingua descoñecida. Mentres unha delas recita un poema para intentar disipar a liorta, as outras aparecen cos instrumentos e conseguen que os ánimos se calmen. Finalmente, a poeta vai buscar o seu instrumento ao camarote e únese á festa. Dende ese momento son inseparables.

Emilia é a única galega. 


Le e fala moitas linguas pero escribe en galego porque o considera unha lingua universal.
En Áureas toca o clarinete.
Personaxe inspirada en Emilia Pardo Bazán.




 

Marie é polaca, 

científica e especialista en radioactividade.
Encántalle andar en bici, percorreu co seu home 
toda Europa neste medio de transporte.
En Áureas toca o saxo alto.
Personaxe inspirada en Marie Curie.

 

 

Alfonsina é arxentina.

Contrariou o destino facéndose poeta.
É mestra e dá clases de teatro, toca a guitarra 
nos bares para gañarse a vida. Escribe poemas.
En Áureas toca a frauta travesa e a gaita.
Personaxe inspirada en Alfonsina Storni.

 

 

Bertha María é brasileira.

Zoóloga de profesión, é sufraxista e defensora
dos dereitos das mulleres.
Gústalle a festa, o baile, a liberdade.
Leva pantalóns.
En Áureas toca a batería e canta.
Personaxe inspirada en Bertha María Lutz.


 

Dorothy é inglesa.

É xornalista e consegue cumplir un soño:
infiltrarse na guerra travestida de home.
En Áureas toca o trombón.
Personaxe inspirada en Dorothy Lawrence.

Áureas no cole

Fai hoxe unha semana metémonos nun túnel do tempo e aparecemos en 1920 para asistir ao concerto de Áureas, cinco mulleres daqueles tempos...
Cantamos, bailamos, aplaudimos...
Foi así:

O nome do grupo é unha homenaxe a unha muller pioneira e valente nun mundo reservado daquela aos homes: ÁUREA RODRÍGUEZ, gaiteira de Cartelle-Ourense (moi preto de Celanova) e mánager do grupo OS MARABILLAS DE CARTELLE.
Movida pola necesidade ao falecer nai e pai, non dubida en crear un medio de subsistencia para ela e os seus irmáns menores: Castor, Felisindo, Manuel, Eliseo y Benigno.
Durante os anos '20 actúan por toda a xeografía galega. Tal é o éxito que rematan traspasando fronteiras e actuando en Madrid e en Bos Aires, cidade á que emigran, probablemente, na década dos '30. 
Cómpre saber que a finais do sécuo XIX, o termo “gaiteira” tiña connotacións negativas, como reflicte un dos primeiros dicionarios galegos, o de Juan Cuveiro Piñol de 1876.
Gaiteiro: o que toca a gaita. Gaiteira: muller de vida alegre, “casquivana”.