martes, 10 de outubro de 2017

Dúo humorístico de dous gatos

O "Duetto buffo di due gatti", é unha peza para dúas sopranos (o rexistro máis agudo das mulleres) atribuída frecuentemente a G. Rossini. 
En realidade non foi composta por el, senón por un tal G. Berthold utilizando anacos da ópera Otello, de Rossini, no 1825.
Aquí tedes dúas marabillosas versións, nas que o MIAUUU é o único texto:


MIAOUUU

Cans cantantes

Hai moitos anos tiven a miña primeira experiencia de facer música con Paula, a cadela do meu amigo o "Negro". Deixárama uns días e cada vez que eu collía a gaita ela viña coma un lóstrego a ouvear ao meu carón.
Fai un par de anos volvín experimentar o mesmo tocando pola mañá en Sober, Lugo. Achegouse tamén unha das dúas cadelas do veciño a cantar coa gaita.
Hai opinións diversas en canto o ouveo dos cans como resposta a música. Eu penso que non lles disgusta, veñen voluntariamente, dende lonxe ás veces, a acompañar o que está soando coa súa expresiva voz.
Aquí tedes dous exemplos:

Musicalidade e ritmo nas aves

Algúns investigadores, coa intención de demostrar que a musicalidade é unha capacidade humana innata e non resultado da cultura, puxéronse a estudar as aves.
Atoparon habilidades moi parecidas ás humanas. Capacidade de recoñecer melodías, de moverse a ritmo, de imitar patróns....
Aquí tedes tres vídeos que o ilustran.
No primeiro veredes unha cacatúa movéndose ao ritmo da música.
No segundo e terceiro aparecen diferentes aves coas súas danzas de cortexo. O compilador editou estes vídeos engadindo música para demostrar que os movementos que fan son moi moi moi rítmicos!!!.


 

A canción das baleas

As baleas e cetáceos comunícanse entre si cuns sons que resultan relaxantes para os humanos, mesmo os investigadores atoparon patróns moi similares aos do noso canto.
Neste caso, unha compañía de Telecomunicacións de Autralia, "Yes Optus", encargou ao compositor Bruce Heald unha peza para comunicarse coas baleas chepudas na súa mesma linguaxe. Fixeron un anuncio publicitario dirixido por David Denneen.
¿Queredes ver que pasou?

domingo, 8 de outubro de 2017

Música e animais

Despois dunha longuísima pausa, retomamos este espazo co proxecto "O MUNDO ANIMAL".
Abordamos o reto de atopar todos os fíos que unen os animais coa música, co mundo sonoro.
Conversando, debatindo e compartindo o que sabemos, atopamos non poucos deses fíos:

BENVID@S OUTRA VEZ A ESTA XANELIÑA!!!

venres, 15 de maio de 2015

Biblioconcerto do 25 de abril

Coñecemos moitas cousas para as que vale a MÚSICA, e neste abril descubrimos que tamén vale como sinal para que todo un pobo saia á rúa a expresarse cunha única voz. No caso da REVOLUÇAO DOS CRAVOS, o 25 de abril de 1974, os nosos veciños portugueses saíron á rúa cun carabel vermello e unha cantiga: GRÂNDOLA, VILA MORENA, de Xosé Afonso.
Nós quixemos facer unha homenaxe no concerto da biblio, cantando todas as cancións que coñecemos en português.

Porque a Arte non é só cousa de Artistas nin a Música só cousa de Músicos....



Biblioconcerto 25 de abril from Isabel on Vimeo.

Así preparamos os nosos carabeis para levar ao concerto...


Cravos from Isabel on Vimeo.

luns, 9 de febreiro de 2015

Biblioconcerto do Día da Paz

O Día da Paz tivemos un novo Concerto na Biblio. Esta vez os músicos foron guitarristas e unha cantante!!!
Mirade que ben o fixeron:


domingo, 23 de novembro de 2014

Biblioconcertos

Este ano decidimos levar a nosa arte sonora á Biblio. Por iso teremos concertos nela un dos últimos venres de cada mes.
Comezamos en outubro con "AS LANDRIÑAS DO CARBALLO", cantareir@s e pandereteir@s de 2ºA, 2ºB e Dani dos Sapiens. Acompañounos a súa profe da Cultural de Reboreda, Erika, á que lle agradecemos moitísimo a colaboración e lle damos a noraboa. Foi todo un éxito!!! Mirade se non....

http://biblioblogreboreda.blogspot.com.es/2014/11/biblioconcertos.html

E o pasado venres 21 celebramos Santa Icía, patroa d@s músic@s, cun concerto no que as instrumentistas foron algunha das profes do cole. Iso sí, o público presente participou cantando con moito entusiasmo.

¡¡¡Que bonito é facer música entre todos!!!


venres, 31 de outubro de 2014

sábado, 11 de outubro de 2014

¡¡¡Literatura, Pintura, Escultura e Música!!!

O próximo xoves 16 de outubro ás 20:00 hs. presentarase o libro "RETALLOS NO VENTO" de Ferxo Mourenza no Multiusos da Xunqueira.
Mesturarase coa Exposición de pintura e escultura
"A TRES MANS" dos artistas plásticos Lolo Nantes, 
Rosa Mozo e Fernando Morales
E tamén co JAZZ  de Alberto Vilas Trío.

¡¡¡TODA UNHA MOSTRA DE ARTE EN INTERACCIÓN!!!
se podedes, non deixedes de asistir

martes, 7 de outubro de 2014

Música para danzar

MÚSICA e DANZA son irmás dende os comezos da civilización. A súa orixe pérdese no tempo e sería imposible dicir cal naceu primeiro.

En ÁFRICA



En CHINA, estas 21 bailarinas interpretan a danza sen poder escoitar a música porque son sordomudas.



Na DANZA CLÁSICA, este ballet ruso de Kirov interpreta a "Danza dos Mirlitóns" do Crebanoces, de Tchaikowsky



Dous exemplos de DANZA CONTEMPORÁNEA



domingo, 5 de outubro de 2014

Música para nacer...

Mirade o que nos conta a poeta africana Tolba Phanem

 

Música ¿para que?

Nestes días estivemos preguntándonos para que cousas serve a MÚSICA, que facemos os seres humanos con ela dende os comezos da civilización ata agora. E atopamos moitísimas respostas!!!

ImageChef Word Mosaic - ImageChef.com

venres, 3 de outubro de 2014

¡¡¡RETOMAMOS!!!

Logo dun longo descanso involuntario, retomamos a comunicación neste espazo con ilusión.
Este ano a nosa curiosidade estará posta nas ARTES.
Sabiamos que a música é unha linguaxe que pertence ao universo artístico, pero descoñeciamos por que se chamaba así, entón puxémonos a investigar...
E descubrimos que a palabra MÚSICA ven do grego e quere dicir  "A ARTE DAS MUSAS".
As musas eran as nove fillas de Zeus e Mnemósine (deusa da memoria), e polo visto eran as encargadas de animar cantando e danzando as festas dos deuses do Olimpo. Seica tiñan unhas voces marabillosas, e a elas debémoslle o nome de todo o que facemos co SON.
Os artistas cando necesitan inspiración agardan a súa visita.

 Elas son
CALÍOPE: a musa inspiradora dos que escriben poesía épica, aquela poesía que conta aventuras de heroes.
ERATÓ: musa dos que escriben poesía lírica, a que expresa os sentimentos do propio poeta.
POLIMNIA: musa dos creadores de cantos sagrados e himnos dedicados aos deuses.
EUTERPE: musa da música e dos tocadores de frauta.
CLÍO: musa da historia.
URANIA: musa da astronomía.
TERPSÍCORE: musa da danza.
MELPÓMENE: musa da traxedia, que é o teatro grego que representaba historias de deuses, heroes e reis. Rematan sempre de maneira fatídica coa morte ou destrución do personaxe principal.
TALÍA: musa da comedia, teatro que representaba escenas con personaxes comúns que provocaban risa.


luns, 19 de maio de 2014

Paisaxe Sonora

Alá polo outono-inverno, dúas compañeiras fixeron tomas da paisaxe sonora da súa contorna máis próxima.
María González, de 3ºB gravou o son das
campás da Igrexa de Redondela.
E Gabriela Gesteira, de 4ºA fixo outro tanto no
San Martiño en festas.

sábado, 17 de maio de 2014

Músicos E Veciños

Neste mes de maio, o dúo de zanfonas SOBRE RODAS é o encargado de poñerlle son ás nosas entradas e saídas do cole coa peza "Do Redondo pra Muralla".
O 3 de maio actuaron no Centro Cultural de Valadares, e por suposto tocárona. Aquí a tedes. Aproveitamos para facerlle unha mini-entrevista a
Luis Correa "O Caruncho", unha das "rodas". Mirade. Ese día tamén tocaron OS IRMANDIÑOS DE VINCIOS, que aínda que non son veciños de Redondela, son veciños da nosa contorna pontevedresa. Eles son de Vincios, concello de Gondomar.
E como eles mesmos dixeron no concerto, non hai muiñeira sen xota. Así que aquí tedes a "Jota de Floreano". 
¡¡¡Animádevos a cantar o retrouso!!!
Os dous grupos teñen CD, por se queredes escoitar máis...

xoves, 1 de maio de 2014

MAIOS

levantate maio que tanto durmiches
que pasou o burro e nin siquera o sentiches
MAIO, MAIO, VÍSTETE DE CREGO, CASTAÑÍN PARA MIN

Hai tres anos, na nosa contorna, unha RA algo especial namorouse dun maio...

Foi unha historia creada, sonorizada e representada por compañeiros que estaban en 6º. Se queredes saber máis de como o fixeron, premede AQUÍ

E aquí tedes o ensaio coreográfico, con luz natural e sen roupa negra.

luns, 28 de abril de 2014

Musiqueamos

MARA, de 2ºA, e MARTA, de 5ºB, tamén musiquean polas tardes....
Mara musiquea no Conservatorio de Redondela, coa trompeta e co piano.
Os seus profes son Manuel Molinos en trompeta, e Santi no piano.
E Marta musiquea co seu propio corpo bailando danzas do folklore galego como a muiñeira e a xota. Faino en Arcade e a súa profe chámase Helena.

xoves, 24 de abril de 2014

Músicos e Veciños

A nosa contorna é tan rica e multicultural que ata temos nela un grupo de TANGO. Chámanse TANGATA e levan 26 anos regalándonos a súa música. E vos preguntaredes por que sendo o tango música do Río da Prata soa aquí, en Redondela.
A cousa é que Artigas Anelo, mestre do BANDONEÓN, é uruguaio; e Laura Quintillán, mestra de VIOLÍN, tamén.
Un día conquistaron aos mestres Alberto Vilas no PIANO, e a Gustavo Barcia no CONTRABAIXO coa beleza das súas melodías e aquí os temos…

¡¡¡Soando na música da alarma do cole!!! 

A peza que escoitamos é Decarísimo, do mestre compositor  Ástor Piazzola
Un verdadeiro luxo. Grazas.

martes, 22 de abril de 2014

Día da árbore

Aproveitando que hoxe é o Día da Terra, podemos escoitar a paisaxe sonora da subida ao monte no  
Día da Árbore 
(mentres miramos algunhas das fotos). Case sempre a paisaxe visual é máis doada de percibir. Perdémonos moitas cousas do universo sonoro, entre outras razóns, porque o noso propio ruído impídenos escoitar o que a natureza nos ofrece.