venres, 29 de maio de 2020

Boa finde!!!

Esta é a canción que aprendemos en 3º para o Día dos "muertitos".

O seu autor é VIRULO, todo un compendio de culturas, xa que naceu en Cuba, vive dende pequeno en México (e séntese mexicano) pero para esta canción utilizou todos os elementos da música andina, a dos indios coyas.

A cuestión é que para un neno caníbal é unha vergonza, unha deshonra que a súa avoa non lle resulte apetecible a ninguén. Que ninguén a queira comer porque é vexetariana...


xoves, 28 de maio de 2020

A paisaxe sonora de Brais

Aquí tedes a unha das responsables da paisaxe de Brais.

Preciosa ninfa!!!!


Seguimos co xeo...

Aínda que este patinador non ten a intención de facer música (coma músic@s da orquestra de xeo@) é incrible a música natural que resulta da súa práctica. Fixádevos!!!

Poderíamos dicir que a fonte do son é... de que familia?

mércores, 27 de maio de 2020

Novos depo-ritmos

Isto vaise animando!!!

E xa temos novos depo-ritmos.

Por unha banda Sandra e Iván fixeron o seu depo-ritmo acompañados da súa nai Diana. E o galo da avoa Loli non se resistiu a participar tamén na gravación.




E por outra banda Mauro, Estela e Andrea contaron con Alba e Antón, que ben se ve que están moi maiores xa...e ghuapísim@s!

NORABOA POLO TRABALLO!!!

Paisaxe sonora de Brais

Brais ten unha paisaxe sonora ben bonita!!!

Que escoitades?

Para axilizar os comentarios, imos deixar só un día para que @ don@ da pista se manifeste.

Así que Brais, mañá cóntanos!!!



martes, 26 de maio de 2020

O depo-ritmo de Mauro

Nivelazo de artistas que temos na familia de Reboreda!!!!

Mirade a Mauro coa súa nai...


Animádevos a facer o voso, é moi divertido!!!!

Concerto de xeo

Mirade que alucinante!!!


Hai instrumentos de todas as familias!!!!

Ou....de case todas.

Cal falta?

luns, 25 de maio de 2020

Paisaxe sonora de Martín

E aquí tedes unha nova paisaxe sonora. A de Martín, de 5ºB. Podedes comentar que é o que escoitades aquí. El púxolle ata nome á pista...
Martín, o mércores fai un comentario resolvéndonos as dúbidas.
Moitos bicosssss a tod@ssss


Os depo-ritmos de Xandre, Alán e Teo

Xandre, Teo e Alán fixeron uns depo-ritmos chulísimos coas súas familias!!!
Encántanme!!!
Mirade se non é certo...



BRAVOOOOOOOOOOO!!!!!

venres, 22 de maio de 2020

O cisne na rúa

Lembrades a danza do cisne do Carnaval dos animais de Camille Saint-Saëns?

Pois aquí tedes unha versión algo diferente. Sen tutú, sen escenario... mais preciosa!!!

BOA FINDE!!!

Depo-ritmos

Aquí vai unha nova proposta.
Trátase de facer un ritmo en familia utilizando obxectos de deporte, os que teñades máis a man. Xogades, improvisades, probades cousiñas e cando teñades a idea rítmica ensaiades e gravades. 

Nós non tiñamos moita cousa por aquí, só un par de palas de velcro, os tenis e un abanico de tai chi. Todos eles idiófonos máis a pelota, que sabemos que é un membranófono. 


xoves, 21 de maio de 2020

Natalia musiquea

Natalia, de 3ºB, tamén musiquea na casa. Faino tocando as piñas, cunchas e culleres.

Mirade!!!

Os instrumentos. Electrófonos

A familia dos electrófonos foi a última en entrar a esta clasificación de instrumentos pensada por Erich von Hornbostel e Curt Sachs, dous musicólogos de Austria e Alemaña. Isto sucedeu en 1940, aínda que algúns deles apareceron moito antes, a finais do século XIX.

Existen dous tipos:

Os electromecánicos, onde a vibración se produce mecánicamente (ou sexa que de base son idiófonos, membranófonos, aerófonos ou cordófonos) aínda que se modifique electrónicamente o seu son. Tal é o caso, por exemplo, do baixo ou a guitarra eléctrica: son cordófonos, pero se non os enchufamos non soan, porque non teñen caixa de resonancia ou porque a intensidade que se pretende non se consegue sen amplificar. Precisan da electricidade para soar. 

Nos electrónicos, o propio son é resultado dun proceso electrónico. Como no THEREMIN, lembrades?


mércores, 20 de maio de 2020

Os instrumentos. Cordófonos III

Dos cordófonos que adoitan ser percutidos, o PIANO é o máis coñecido. Cada vez que tocamos unha tecla actívase un mecanismo cun martelo que percute a corda. Aquí vese ben:




O clavicordio, o címbalo húngaro, o santur, o dulcémele ou o salterio tamén se percuten.



No baixo eléctrico utilízase unha técnica chamada SLAP na que se percute a corda co dedo polgar.




E o berimbau do Brasil, un dos meus preferidos, é descendente do arco musical, probablemente o cordófono máis antigo da historia.

martes, 19 de maio de 2020

Os instrumentos. Cordófonos II

Entre os cordófonos que adoitan ser pulsados atopamos a guitarra, o ukulele, o charango, a arpa, os da familia da corda na orquestra (violín, viola, violoncello e contrabaixo) cando fan pizzicato beliscando a corda, o laúde, o banjo, a cítara, a kora africana, a mandolina, o guitarrón, etc.

Hai algúns que contan con cordas "simpáticas". Lembrades a vibración por simpatía que experimentamos o ano pasado na aula?
Pois así, estes instrumentos teñen cordas que non fai falla tocar, resoan cando algunha outra corda vibra coma elas.

Algunhas zanfonas que constrúe Carlos do Viso teñen esas cordas simpáticas.

Pero sen dúbida o instrumento máis coñecido con cordas simpáticas é o sitar da India. Ten os trastes (como os da guitarra) suspendidos en vez de pegados ao mastro, entón se se presiona conséguese estirar a corda e obter os glissandi caraterísticos deste instrumento.



Outro antigo cordófono pulsado é a espineta, na que as cordas son pulsadas cuns plectros accionados por medio dun teclado.



E lembrades a valiha de Madagascar? A da viaxe da folliña seca...



LEMBRADE QUE AS PALABRAS EN AZUL TEÑEN HIPERLIGAZÓNS, E SE PREMEDES NELAS ATOPAREDES MÁIS INFORMACIÓN.

luns, 18 de maio de 2020

Os instrumentos. Cordófonos I

Os cordófonos son instrumentos ou obxectos nos que o son se produce ao facer vibrar unha corda tensa. É moi importante que estea tensa.

Para facer vibrar unha corda podemos facer diferentes cousas: pulsala co dedo, unlla ou plectro; fretala cun arco ou diferentes obxectos; e percutila.

Aínda que hai cordófonos que se consideran únicamente fretados (como o violín), pulsados (como a guitarra) ou percutidos (como o piano), sabemos (porque xa o probamos na aula de música), que as cordas do violín tamén se  poden percutir ou pulsar; que as da guitarra tamén podemos percutilas ou fretalas; e que as do piano tamén poden -se abrimos a tapa e accedemos a elas- ser fretadas ou pulsadas.

A zanfona é un instrumento no que unha roda freta as cordas en lugar dun arco, co cal se consegue un son contínuo (o arco pode ir para arriba ou para abaixo pero cando se acaba o seu percorrido ten que cambiar de sentido e o son córtase). Neste instrumento hai cordas "cantantes", que son as que fan a melodía; e bordóns, que soan sempre igual (como o ronco da gaita). Para cambiar a altura das cordas cantantes, unhas espadelas pisan estas cordas como fan os dedos no mastro da guitarra, só que na zanfona son accionadas a través dun teclado.

Aquí tedes a Luis Correa explicando, tocando e cantando.



E aquí o programa Alalá sobre Carlos Do Viso, artesán, músico.... e pai da nosa Carme de 5ºA, tamén zanfonista!!!!


Xuntos forman o grupo SOBRE RODAS

Inés e Marcos musiquean na casa

Seguimos musiqueando dende a casiña.

Aquí Inés danza coma os flamengos.





E aquí Marcos cántanos O cravo e a rosa



BRAV@S!!!!!!

A fala

Non mirara isto!!!!

Entereime hoxe falando con Xandre.

Neste vídeo aparece xente moi querida....

Entre elas Xandre, Kira, Mauro, Román, Tatán e Andrés de Tanxarina, Blanqui, Areta....

Grazas Uxía por este agasallo.


domingo, 17 de maio de 2020

Feliz Día das Letras galegas!!!

Que gocedes esta versión musicalizada de "Maria Silêncio", de Ricardo Carvalho Calero, tanto coma min.

🤍💙🤍

venres, 15 de maio de 2020

Os intrumentos. Membranófonos

A estas alturas xa saberedes que os membranófonos son instrumentos ou obxectos nos que o son se produce pola vibración dunha membrana.

Temos na aula de música unha chea deles: pandeiretas, pandeiros, timbais, tambor, bombo....mesmo temos timbaliños feitos por nós.

LEMBRADES?

E tamén utilizamos ás veces o TUBO DE TRONOS, o TAMBOR CHAMÁNICO, a CAJA CHAYERA e fixemos timbais de globo: "GLOBÓFONOS".

Este ano decatámonos de que todos os BALÓNS que levan aire dentro e non son ríxidos, funcionan como membranófonos se os golpeamos ou percutimos...

Hainos de marco, como a pandeireta e o pandeiro; con caixa de resonancia, como os timbais, o tambor e o bombo; cunha membrana (timbais) ou dúas (todos os tambores -menos o chamánico que é en realidade un pandeiro a pesar do seu nome).

E pódense percutir, rascar, soprar, sacudir no caso do tubo de tronos.....


No caso da CUICA (Brasil) e da ZAMBOMBA (península Ibérica) frétase un pau atado á membrana. A vibración do pau transmítese á membrana, e a altura do son modifícase estirando ou soltando a membrana coa man que queda libre. A única diferenza é que na CUICA o pau vai dentro da caixa e non se ve, e na ZAMBOMBA vai fóra.




Mesmo este experimento que fixeramos o ano pasado na aula de música utiliza un membranónofo que vibra por simpatía. Lembrades?