xoves, 26 de marzo de 2020

Un marabilloso mundo

Este tempiño de baixar a velocidade, de quedar na casa, déixanos espazo para poñer atención na marabilla que nos rodea. Sería boísimo que isto que nos pasou servise para coidar dela, deste mundo que é a nosa casa. 
Déixovos esta montaxe de Carlos Lago, profe de plástica no Pino Manso, con cadros de Leandro Lamas e unha versión de What a Wonderful World, peza de George David Weiss & Bob Thiele, que fora popularizada por Louis Armstrong a finais dos ‘60.
Aquí escoitaredes a Chris Botti e Mark Knopfler. 
Abaixo tedes a tradución da letra.
Non podía encaixar mellor audio e imaxe!!! Fermoso traballo!



Un marabilloso mundo
Vexo árbores  verdes , rosas vermellas tamén
Véxoas florecer , para min e para ti
E penso que é un marabilloso mundo
Vexo ceos  de azul e nubes de branco
O día glorioso e brillante, a escura noite sagrada
e penso  que é un marabilloso mundo
As cores do arco da vella son tan fermosas no ceo
son tamén as facianas das persoas que van por aí
Vexo amigos dándose a man dicindo: como estás?
cando  en relidade queren dicir: quérote  
Oio  bebés chorando, véxoos medrar
eles aprenderán moito máis do que cren
e penso que é un marabilloso mundo
Si, penso que este é un marabilloso mundo. 

O cerebro d@s músic@s

Mirade que interesante!!!

Ide elixindo un instrumento...


Paxaros de río

Chegoume esta páxina marabillosa e quero compartila con vós.
Con só premer en cada ave escoitaredes o seu canto 🎵 🎶
Probade!!!

Premede na imaxe e a voar!!!!


https://coneixelriu.museudelter.cat/en/birds.php#

mércores, 25 de marzo de 2020

Áureas, THE ASH GROVE

Lembrades que Dorothy, a inglesa, non quixo cantar a súa canción porque preferiu bailar?

E vós queredes aprender o baile? Ese día non había moito espazo, pero podedes aproveitar a corentena e practicar os pasos.

Mesmo se vos animades podedes aprender a letra!!!


Aquí tedes un vídeo onde se pode ver a danza

martes, 24 de marzo de 2020

Olaaaa!!! Hai alguén aí???

Non sei nada de vós... contádeme como estades!!!

A pesar de que estamos dentro da casa, fóra as flores multiplícanse, aparecen bolboretas, o sol é máis forte e a vida AGROMA, como lle pasou á "REINA BATATA", un boniato a punto de ser cociñado que, desafiando o seu destino, converteuse nunha...

Aquí vai a cantiga. Gravámola con Ailén (a Bertha María de Áureas) e a nosa gata Kira.

luns, 23 de marzo de 2020

Atención 3º!!! A POMBINHA BRANCA

Olaaaaaa!!!
Estades ben??? 

Déixovos unha cantiga de roda do Brasil para que a aprendades.
Podedes xogar á roda do seguinte xeito:
Facedes unha roda que xira en sentido anti horario e a "pombinha" queda dentro, moi pegada á roda camiñando en sentido contrario (horario). Cando a letra di: "pasou un moço", a roda e a pombinha paran, e a persoa que queda frente á pombinha convértese nese moço que pasa ao centro, senta no chan, fai o xesto de cuspir, a pombinha e o resto da roda respóndenlle "limpa iso porcalhao, tenha máis educaçao". O moço é agora pombinha e a roda volve comezar.


Vagarosa e preguiçosa son a mesma cousa... vaga, preguiceira, lacazá...
Terno branco é un traxe de tres pezas: pantalón, chaqueta e chaleque.


A mover o corpo!!!! 
Se queredes, podedes gravarvos e mandarme o vídeo a: 
musisabel2@gmail.com. 
BEIXIÑOS!!!

A primavera de Antonio

Antonio Vivaldi foi un músico polifacético que naceu en Venecia e tamén viviu en Viena, alá polos anos 1678-1741.
Seica lle gustaba pasear por unha fraga próxima á súa casa, na que podía observar como ía mudando a paisaxe visual e sonora a medida que cambiaban as estacións. Esta é a razón pola que compuxo catro concertos para violín e orquestra, AS CATRO ESTACIÓNS, creando sonoramente o que lle inspiraba cada unha delas.

Así, no movemento Allegro da Primavera, foi describindo musicalmente o que vía nos seus paseos pola fraga.

A peza ten unha introdución que se repite. Primeiro soa forte e logo débil.


Despois presenta o que é o TEMA PRINCIPAL deste movemento, unha especie de retrouso que nesta ocasión tamén aparece repetido, primeiro forte e logo débil:
Hai unha parte na que describe os paxaros que se vai atopando, cos seus cantos e trinos...

Describe tamén os peixiños que nadan río arriba, saltando fóra da auga ás veces...


Aparece tamén unha tormenta de verán, desas que algunha vez o colleron no profundo da fraga.


Logo daquelas tormentas, con tanta auga e sol comezaba a agromar toda a vexetación e a fraga florecía... Poderedes escoitar esa parte no vídeo que aparece ao final desta publicación.

Ata aparece nun momento o TEMA PRINCIPAL un pouquiño diferente, despois da tormenta...


Se pinchades na seguinte imaxe teredes o musicograma da obra.


E aquí tedes a peza completa

Atención 2º!!! O CRAVO E A ROSA

Ola!!!
Como estades????

Déixovos esta cantiga brasileira para que a aprendades. Fala das pelexas, nas que ninguén gaña e tod@s saen feridos...


A tradución ao galego sería así:

O carabel pelexou coa rosa debaixo dun balcón
o carabel saíu ferido e a rosa despedazada.
O carabel quedou doente (enfermo) e a rosa foino visitar
O carabel tivo un desmaio e a rosa púxose a chorar.

Grazas Ailén por acompañarme cantando!!!


Que tal se me mandades unha gravación vosa cantándoa? Encantaríame escoitarvos!!!

musisabel2@gmail.com

Atención 1º!!!

Chegou a primavera e @s xardineir@s están máis felices que nunca porque...


Esta era unha das miñas cancións favoritas cando tiña 7 anos. A súa compositora, María Elena Walsh, é arxentina, por iso ten algunha palabra que non entendemos.
Yuyos: herbas medicinais


Grazas Ailén por axudarme con esa voz tan marabillosa!!!

Chegou a primavera!!!!

Siiiii, só fai falla que vos asomedes á xanela!

Vouvos propoñer que convirtades o voso salón nun xardín, ou podedes facelo no propio xardín se o tedes...
Xuntade a toda a familia, e percorrede ese xardín cheirando flores, collendo unha bolboreta...
Ata que a canción diga "teu.....pon aquí, comigo baila así". Nese momento tedes que bailar con alguén con esa parte do corpo en contacto. Lembrade que é unha danza solemne.
Gravádevos e mandádeme o vídeo a:

musisabel2@gmail.com

Agardo polos vosos vídeos.

Bicosssss.

Aquí está a canción. Acompáñame Ailén (a Bertha María de Áureas). Nós non bailamos porque estamos cantando e tocando, que se non...

venres, 20 de marzo de 2020

Olaaaaa!

Gustaríame saber de vós...
Podedes contarme como o ides levando a través dos comentarios.
Tedes a sorte de vivir nun sitio arrodeado de natureza e se vos agobiades, só con poñervos preto dunha ventá aberta, pechar os ollos e respirar lento e profundo estaredes máis tranquil@s e relaxad@s.
Podedes facelo apoiando a man esquerda sobre o abdome onde está o embigo e a dereita sobre o peito.
Aínda así, vouvos deixar unhas pistas con paisaxes sonoras e exercicios para relaxarvos.
Unha aperta!!!!




mércores, 18 de marzo de 2020

Instrumentos de placas virtuais

Para @s que tedes tablet, Ipod ou mesmo no teléfono, aquí tedes unha aplicación gratuita coa que poderedes tocar cancións, improvisar, aprender outras...

http://www.hosekiapps.com/es-xylophone/

E aquí abaixo, pinchando na imaxe, ides a unha páxina onde tedes placas virtuais. Podedes seleccionar instrumento, e pinchando na chave de sol aparecen ou desaparecen as notas das placas.



Atención 6ºA e 6ºB!!!

Olaaaaa!!!

Vouvos deixar unha canción popular do Perú para que toquedes coa frauta: "La flor de la cantuta".
(A cantuta é a flor nacional do Perú).

Ten a escala pentatónica e pódese cantar tamén.


Déixovos aquí o vídeo da canción


Tamén unha base por se queredes tocar ou cantar enriba dela:



Podedes "conversar" comigo improvisando coa escala pentatónica. Lembrade que non ten nin FA nin SI. Non estamos na aula de música, pero...


Tamén vos queda unha base rítmica para que toquedes enriba.

martes, 17 de marzo de 2020

Atención 4ºA e 4ºB!!!

Olaaaaa!!!

Como o ides levando?

Vouvos deixar unha nova peza para frauta. É un cánon: "Nun bote de vela", así que cando volvamos poderemos tocala, ademáis de tod@s xunt@s, entrando escalonadamente!!!

Nesta peza precisades usar toda a escala, de do grave a do agudo (do'). Aparece na partitura como do'.

Ánimo!!! e bicos telemáticos!!!


Atención 3ºA e 3ºB!!!

Olaaaa!!!
Déixovos unha nova canción para frauta, por se vos aburrides de tocar sempre as mesmas...
Chámase O lagarto e a lagartiña, ten letra e aquí vai a partitura e uns vídeos para que poidades aprendela case coma se estivésemos na aula de música.
Bicosss telemáticos!





luns, 16 de marzo de 2020

Contaxiando alegría

Lembrades esta curta? Posiblemente non, foi publicada neste blog no 2013.

Que fai o home da curta? Por que? Para que? 
NON IMPORTA. 
O importante é a VIBRACIÓN capaz de mudar o estado de ánimo da xente que o rodea.
Probade. Na casa, dende ventás e balcóns, por videoconferencia...
A risa, ademáis de contaxiosa, é  marabillosamente terapéutica!!!


Anos '20. Instrumentos musicais.

Nestes anos conviven os instrumentos folklóricos de cada cultura cos clásicos e tamén aparecen novas invencións derivadas do uso da electricidade ou de cuestións funcionais.
Lembrades o Theremin que trouxo Paulo Pascual o ano pasado?
Pois foi creado no 1928 polo científico, músico e inventor ruso León Theremin. Seica foi mentres probaba unhas alarmas.
CLARA ROCKMORE

Outro dos instrumentos nacidos nos '20 foron as Ondas Martenot,  inventado polo violoncelista francés Maurice Martenot en 1928.
No caso da BATERÍA, o seu nacemento responde a cuestións prácticas e funcionais.
A batería, aínda que é considerada un instrumento, en realidade é un conxunto deles que xa era utilizado por separado nas orquestras e bandas de música. Bombo, pratos, caixa, redobrante ou tambor...
A comezos do século XX, co nacemento do jazz, aparecen pequenas formacións que ven a necesidade de aforrar en músicos, concentrando nunha soa persoa todo o elemento percusivo. Para isto é preciso crear mecanismos de pedais cos que percutir o bombo e nese momento o Low hat. Isto o fai Wilhelm F. Ludwig no ano 1910.



Os loucos anos '20.

Cen anos pasaron xa dende aqueles anos de explosión colectiva en moitos sentidos. Acabara unha guerra e os pobos sentían a necesidade de recuperar a alegría.
Moitos son os inventos e descubrimentos desta década.
  • Póñense en marcha as transformacións herdadas da 2ª revolución industrial.
  • Empréganse novas fontes de enerxía: a electricidade e o petróleo.
  • Os Estados Unidos de Norteamérica convértense na locomotora da economía mundial.
  • Aparece o sistema de crédito para mercar automóbiles, electrodomésticos, teléfonos.
  • Grande esplendor da prensa: aparecen revistas especializadas.
  • A radio ten especial importancia porque chega a todos os recunchos do planeta e se emprega, entre outras cousas, para facer publicidade.
  • Descóbrese a insulina en 1921.
  • Primeiro voo dun autoxiro (helicóptero). Juan de la Cierva en España.
  • Primeiros xogos olímpicos. En Francia, 1924.
  • Nace a televisión en 1926.
  • Primeiro voo sobre o Océano Atlántico. Lindbergh en monoplano, 1927.
  • Fleming descobre a penicilina en 1928.
E moitas tamén as reivindicacións femininas.
Cómpre ter en conta que ás mulleres non lles estaba permitido votar, nin levar pantalóns, nin conducir automóbiles ou bicicletas, nin beber ou fumar en público, nin ir á universidade...
Os movementos feministas reivindican a igualdade de sexos -sobre todo no ámbito familiar-, a ampliación de horizontes laborais e profesionais, a planificación familiar...

Aquí tedes unha listaxe coa data de obtención do voto feminino nos diferentes países:

Déixovos unhas preguntas para que reflexionedes, busquedes información...
Podedes responder facendo un comentario nesta entrada.

  • Credes que acadamos a igualdade? En todo o planeta?
  • Hai algún estado onde aínda non poidan votar as mulleres?
  • Cal foi o último país en permitir o voto feminino?


Áureas, as personaxes.

Na ficción Áureas son cinco mulleres que se coñecen nun transatlántico que vai dende América ata Europa. Isto sucede no bar de a bordo en medio dunha pelexa entre dous viaxeiros que falan unha lingua descoñecida. Mentres unha delas recita un poema para intentar disipar a liorta, as outras aparecen cos instrumentos e conseguen que os ánimos se calmen. Finalmente, a poeta vai buscar o seu instrumento ao camarote e únese á festa. Dende ese momento son inseparables.

Emilia é a única galega. 


Le e fala moitas linguas pero escribe en galego porque o considera unha lingua universal.
En Áureas toca o clarinete.
Personaxe inspirada en Emilia Pardo Bazán.




 

Marie é polaca, 

científica e especialista en radioactividade.
Encántalle andar en bici, percorreu co seu home 
toda Europa neste medio de transporte.
En Áureas toca o saxo alto.
Personaxe inspirada en Marie Curie.

 

 

Alfonsina é arxentina.

Contrariou o destino facéndose poeta.
É mestra e dá clases de teatro, toca a guitarra 
nos bares para gañarse a vida. Escribe poemas.
En Áureas toca a frauta travesa e a gaita.
Personaxe inspirada en Alfonsina Storni.

 

 

Bertha María é brasileira.

Zoóloga de profesión, é sufraxista e defensora
dos dereitos das mulleres.
Gústalle a festa, o baile, a liberdade.
Leva pantalóns.
En Áureas toca a batería e canta.
Personaxe inspirada en Bertha María Lutz.


 

Dorothy é inglesa.

É xornalista e consegue cumplir un soño:
infiltrarse na guerra travestida de home.
En Áureas toca o trombón.
Personaxe inspirada en Dorothy Lawrence.

Áureas no cole

Fai hoxe unha semana metémonos nun túnel do tempo e aparecemos en 1920 para asistir ao concerto de Áureas, cinco mulleres daqueles tempos...
Cantamos, bailamos, aplaudimos...
Foi así:

O nome do grupo é unha homenaxe a unha muller pioneira e valente nun mundo reservado daquela aos homes: ÁUREA RODRÍGUEZ, gaiteira de Cartelle-Ourense (moi preto de Celanova) e mánager do grupo OS MARABILLAS DE CARTELLE.
Movida pola necesidade ao falecer nai e pai, non dubida en crear un medio de subsistencia para ela e os seus irmáns menores: Castor, Felisindo, Manuel, Eliseo y Benigno.
Durante os anos '20 actúan por toda a xeografía galega. Tal é o éxito que rematan traspasando fronteiras e actuando en Madrid e en Bos Aires, cidade á que emigran, probablemente, na década dos '30. 
Cómpre saber que a finais do sécuo XIX, o termo “gaiteira” tiña connotacións negativas, como reflicte un dos primeiros dicionarios galegos, o de Juan Cuveiro Piñol de 1876.
Gaiteiro: o que toca a gaita. Gaiteira: muller de vida alegre, “casquivana”.