xoves, 6 de febreiro de 2014

Recolleita de coplas populares

Estamos recollendo coplas populares que falen da nosa CONTORNA. Redondela, as súas parroquias, a súa xeografía...
Comezamos coas achegas das familias de 4ºA e 4ºB.
Se algún de vós coñece máis e quere compartilas con nós, podedes facelo a través dos COMENTARIOS.
¡¡¡¡¡Estaremos encantad@s de engadilas!!!!!


martes, 4 de febreiro de 2014

Musiqueamos

Irea, de 5ºB, musiquea co tambor. Faino na Asociación Cultural Santa María do Viso e o seu mestre é Josiño da Teixeira.


Íñigo, de 6ºA, tamén musiquea na mesma asociación, só que o seu instrumento é a gaita, e o seu mestre Manuel Cruces.


Pois ben, estes dous mestres son o tamborileiro e o gaiteiro de Tanto Nos Ten, o grupo co que entramos e saímos do cole ao comezo das clases.

 LEMBRADES?

domingo, 2 de febreiro de 2014

Sandra e Meirol en Xistralia

O martes 28 fomos ao Centro Cultural Novagalicia en Vigo.
Coñecemos a SANDRA, unha moza cantadeira do norte de Galicia que baixou ao sur para gozar da festa e da música de XISTRALIA
Tamén coñecemos a MEIROL, un caracol que se converteu en pluriinstrumentista coa axuda dos FASTUDOS, que saben tocar de todo….

¡¡¡E COÑECEMOS A TERCO!!!

TERCO é un dragón vermello de dúas cabezas, primo da nosa COCA, que mentres estabamos no auditorio raptou @s nen@s de Xistralia, a Sandra e tamén a COCA!!! O señor TAMBORILEIRO chamou a un amigo seu.

Tivemos que subir ao escenario con Gabriela e Sheila de 4º A e B, e formar parte das tropas danzantes baixo a dirección do CAPITÁN CENTOULO para liberalos.

En realidade, TERCO @s raptara porque se sentía so e quería festa. Claro, como nos pasa a tod@s…  Dámoslle as moitas grazas a Ana María García, mestra de música do cole de Chans - Bembrive, que andaba por alí e nos fixo de reporteira gráfica.

¡¡¡GRAZAS ANA!!!

xoves, 30 de xaneiro de 2014

A Paz

Moito escoitaremos estes días falar da PAZ.
Pero a paz é algo que ten que empezar no interior de cada un de nós, construíndoa os 365 días do ano.

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Músicos e Veciños

Este xaneiro, a música que nos acompaña nas entradas e saídas, é de MARÍA FUMAÇA, un proxecto musical no que participan moitos músicos.
Algúns deles son veciños, como Andrés e Tatán, do grupo TANXARINA.
Outra colaboradora é Irea, a nosa compañeira de 5ºB.

¡¡¡ALEGRÍA!!!




Alegría,uhhh!
Alegría, yes!
Cantemos como é bo
Ser alegre todo o día.

O día amanece;
E con el o noso sol,
Brillante e colorido;
Nun sorriso alto, astral.
As veces é a chuvia que nos ven despertar;
Mais sempre todo o día, a alegría vai estar.

Alegría....

Hai días que desperto
e síntome feliz.
Eu salto entón da cama,
eu quero ser máis feliz.
O día vai pasando,
e a alegría vou xuntando
a noite ven cegando,
a alegría esta sobrando.


Alegría..

mércores, 15 de xaneiro de 2014

Máis aguinaldos

1º A tamén pediu o aguinaldo coa cantiga "Mariñeiro". Mirade todo o que recolleron…

E así cantaron os dous primeiros xuntos o día do festival.


E se queredes lembrar as cantigas coas que pedimos o aguinaldo o ano pasado premede aquí:

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Rondalla "entre bastidores"

A pesar de que a palabra RONDALLA define formacións de instrumentos de corda, no sur da provincia de Pontevedra chámanse así as agrupacións de veciños que con instrumentos de vento e percusión percorren as parroquias nestas datas pedindo o aguinaldo.
Nós tivemos que construír algúns destes instrumentos, como os CRISTOS, as CASTAÑOLAS ou as CANAS.
Outros xa nolos regala feitos a natureza:
as PIÑAS, as CUNCHAS, as CABAZAS...
O resto debémolo á fabricación artesanal e industrial.
O vestiario, ás costureiras de 3ºA e 5ºA
 Se queredes ver outro vídeo da saída atoparédelo no blog de 5ºA: IMAXINAESCOLA

domingo, 5 de xaneiro de 2014

Rondalla

Este ano os 3ºs e 5ºs cursos decidimos pedir o aguinaldo dun xeito diferente:
TRABALLANDO TODOS XUNTOS, EN EQUIPO...
E montamos unha RONDALLA para saír a pedir o aguinaldo fóra do cole, polo barrio.

Cada un aportou o mellor que tiña para ofrecer.
As titoras formaron parte da rondalla como músicas, coordinaron horarios, cederon horas e recreos para ensaios...

Algunhas familias achegaron materiais para a construción de instrumentos...
Foi convocado un grupo de nais de 3º A e 5º A para montar un obradoiro de costura polas tardes onde se coseron máis de 65 capas!!! Ata reutilizamos a tea (anteriormente empregada como Río Alvedosa no entroido do 2011).

Raquel, que é de 6º veu con nós tocando a gaita. Iván, tamén de 6º acompañounos coa bandeira do cole e un pandeiro para recoller o que nos deran de aguinaldo.
Os 4ºs cursos axudaron na construción dos cristos.

REDONDELA ofreceunos a Don Casto Sampedro e Folgar  hai xa moito tempo, e da súa man chegou ata nós o agasallo de Vilar de Infesta feito melodía: a Marcha Procesional de Vilar de Infesta.

E cada un d@s pequen@s músic@s demostrou que sabe xestionar de maneira autónoma e responsable o tempo, os espazos e o traballo colaborativo, case sempre en horas de recreo.
Souberon diferenciar dende o principio os momentos de distensión e os de máxima concentración, atención e silencio.

O resultado foi o inmenso pracer de compartir a MÚSICA, de experimentar a forza do colectivo dende cada gran de area individual.



Luisa, Lydia, Cris, Alejandra, Uxía, fadas costureiras de 3ºA, familias e colaborador@s divers@s,
rondalleir@s

GRAZAS
GRAZAS
GRAZAS

Pedimos o aguinaldo

Como todos os anos por estas datas, cargámonos de cantigas e instrumentos e saímos a pedir o aguinaldo...
Así o fixeron os Sapiens



Así 1ºB



Tamén volvemos cargados...pero de doces para facer SUCULENTAS MERENDOLAS!!!!

Este ano 3ºA, 3ºB, 5ºA e 5ºB non pediron o aguinaldo individualmente, MIRADE AQUÍ

venres, 20 de decembro de 2013

¡¡¡BOAS FESTAS!!!

A cantar, tocar, bailar, brindar, bicar, abrazar...!!!

Non precisamos moita cousa para festexar.
Mirade se non aos VOCA PEOPLE.
Toda a festa que montan empregando só as súas voces:


¡¡¡ATA O ANO QUE VEN!!!

xoves, 5 de decembro de 2013

Músicos e Veciños

Xa temos nova música na alarma do cole. Esta vez os veciños son da BANDA DE MÚSICA DE CHAPELA.
Están a interpretar a peza "REDONDELA" do compositor ponteareano (fillo dunha redondelá) Reveriano Soutullo.
Podedes ver este concerto dirixido por Severino Pedrosa no seguinte vídeo.
Por certo:
¿Sabedes cal é a diferenza entre unha BANDA DE MÚSICA e unha ORQUESTRA SINFÓNICA?
¿Sabiades que existen as BANDAS SINFÓNICAS?
¿Sabedes onde se atopa a placa que vedes a continuación?



luns, 2 de decembro de 2013

O Outono

Tempo de esfolladas, castañas e viño novo...
Tamén de calacús, bruxas e mouchos...

Pouco a pouco vai camiñando cara ao inverno pero deixa con nós estas cancións, xogos e experiencias que atoparedes buscando no seguinte Póster:

mércores, 27 de novembro de 2013

Musiqueamos

Algún de nós tamén MUSIQUEA fóra do cole, en diferentes espazos do noso contorno: conservatorios, escolas de música, asociacións culturais, etc.
Alba vai a aulas de violín no Centro Cultural "Chan das Pipas" en Saxamonde e o seu profe chámase Felipe Rodicio.



Iván musiquea na Asociación Cultural de Reboreda. Neste caso está a tocar o bombo co grupo de gaitas inda que seguramente en pouco tempo estará tocando a gaita.



domingo, 24 de novembro de 2013

Músicos na familia

Carlos García Pazos, de 4ºA, ten un músico na familia.
O seu pai, Carlos García Gómez toca o GUITARRÓN nun MARIACHI e o BAIXO ELÉCTRICO na RONDALLA de Redondela.
Carlos fillo entrevistou a Carlos pai...



Nós xa coñeciamos a Carlos pai porque o curso pasado estivo no cole cos seus compañeiros do MARIACHI VIGO para ensinarnos o guitarrón e tocar con nós unhas cancións. ¿Lembrades?

Mirade AQUÍ.


¡¡¡MOITAS GRAZAS CARLOS E CARLOS!!!!

martes, 19 de novembro de 2013

Paisaxe Sonora

O venres pasado, aproveitando a visita que @s nen@s de Infantil fixeron a vila de Redondela, quedamos para escoitar pasar o TREN que vai dende Vigo a Santiago e recoller o son cunha gravadora moi potente.



Agardaba por el@s xusto debaixo do Viaduto probando o aparato cando me sorprendeu un tren co que non contaba: o que vai ao revés, dende Santiago a Vigo. Escoitade como soaba:



Pouco tempo despois chegaron @s nen@s, as profes e tamén o tren que viña de Vigo e que esperábamos que pasase ás 12:40.

Escoitade como soaba:


Se poñedes atención ao escoitar as dúas paisaxes sonoras (sobre todo se empregades auriculares coa letra R e L colocadas na orella dereita e esquerda respectivamente) notaredes as diferenzas de velocidade, de dirección, de duración, de intensidade, etc. entre os dous trens.

luns, 11 de novembro de 2013

Día de Muertos II

Non faltaron as flores de CEMPASÚCHIL, nin o PAPEL PICADO... ata fixemos CALACAS para lembrar algún dos nosos"muertitos".
Estiveron con nós o esquelete Pancho, a bruxa Cachavacha, a CATRINA...
Na nosa vila, Redondela, tamén se celebrou o "Día de los Muertos" cun MARIACHI coñecido por nós.

martes, 5 de novembro de 2013

Músicos e Veciños

Xa vos decatastes de que mudou a música que soa no timbre de entrada e saída. Xa non é folk galego.
Neste outono estamos a comezar e rematar a nosa mañá escoitando JAZZ. 
Jazz da nosa contorna, de Redondela.
Trátase do ALBERTO VILAS QUINTETO interpretando a peza GURÚ do disco EXPERIANZA.


E Alberto Vilas, ademáis de ser músico e veciño, e o tío de Eva e Iván Vilas.
Podedes ver ao grupo tocando esta peza o ano pasado no pub "Jazz FILLOA" de A Coruña.

venres, 1 de novembro de 2013

Día de los Muertos

Como todos os anos, esta semana apareceron na aula de música o esquelete Pancho, a bruxa
Cachavacha, a araña...
...e trouxeron amigos!!!
Viñeron a levarnos nunha viaxe virtual a México e o seu "Día de los Muertos".
Déixovos estas dúas curtametraxes boísimas. Gozade delas!!!

Músicas Miúdas

... e se pensabades que estabamos un pouquiño tolos facendo música con obxectos traídos da casa, no vos perdades este vídeo.