luns, 28 de abril de 2014

Musiqueamos

MARA, de 2ºA, e MARTA, de 5ºB, tamén musiquean polas tardes....
Mara musiquea no Conservatorio de Redondela, coa trompeta e co piano.
Os seus profes son Manuel Molinos en trompeta, e Santi no piano.
E Marta musiquea co seu propio corpo bailando danzas do folklore galego como a muiñeira e a xota. Faino en Arcade e a súa profe chámase Helena.

xoves, 24 de abril de 2014

Músicos e Veciños

A nosa contorna é tan rica e multicultural que ata temos nela un grupo de TANGO. Chámanse TANGATA e levan 26 anos regalándonos a súa música. E vos preguntaredes por que sendo o tango música do Río da Prata soa aquí, en Redondela.
A cousa é que Artigas Anelo, mestre do BANDONEÓN, é uruguaio; e Laura Quintillán, mestra de VIOLÍN, tamén.
Un día conquistaron aos mestres Alberto Vilas no PIANO, e a Gustavo Barcia no CONTRABAIXO coa beleza das súas melodías e aquí os temos…

¡¡¡Soando na música da alarma do cole!!! 

A peza que escoitamos é Decarísimo, do mestre compositor  Ástor Piazzola
Un verdadeiro luxo. Grazas.

martes, 22 de abril de 2014

Día da árbore

Aproveitando que hoxe é o Día da Terra, podemos escoitar a paisaxe sonora da subida ao monte no  
Día da Árbore 
(mentres miramos algunhas das fotos). Case sempre a paisaxe visual é máis doada de percibir. Perdémonos moitas cousas do universo sonoro, entre outras razóns, porque o noso propio ruído impídenos escoitar o que a natureza nos ofrece.



luns, 31 de marzo de 2014

Músicos na familia

Gabriela, de 4º A, tamén ten músicos na familia. Pai, tíos e primo forman parte da Charanga Charamujas, agrupación de música moi marchosa que ensaia en Guizán e toca en festas e romarías.
Gabriela aproveitou unha desas actuacións para lles facer unha entrevista, e mirade se non da gana de botar uns agarrados.


¡¡¡MOITAS GRAZAS CHARANGA CHARAMUJAS!!! 
¡¡¡MOITAS GRAZAS GABRIELA!!!

martes, 25 de marzo de 2014

6ºA canta a Rosalía

6ºA quixo achegarse á poesía de Follas Novas dun xeito distinto: en lugar de recitar, cantou.
E cantou Negra Sombra.
Xa fixemos referencia a esta peza na entrada do blog en homenaxe a Rosalía de Castro.
E como sabedes, o que compuxo a música foi o mestre Xoán Montes Capón.
Aquí tedes unha foto del dirixindo o Orfeón Lucense nos xardíns da Deputación de Lugo, no ano 1886.

Foto inédita da exposición "Galicia terra de músicos" do Museo de Pontevedra.
Fotografía: © Arquivo gráfico de Alvarellos Editora

domingo, 23 de marzo de 2014

Músicos na familia

Iván Vilas, de 3ºB, e Eva Vilas, dos Coquiños, tamén teñen un músico na familia.
¿Lembrades a peza Gurú que escoitamos na música da alarma no outono? Pois Alberto Vilas, o tío de Eva e Iván, é o líder de Alberto Vilas Quinteto, o grupo de jazz que interpretaba todos os días esa canción para nós.
Neste caso, Iván entrevistou o seu tío seguindo un guión feito na súa clase coas preguntas de tod@s @s compañeir@s.
Aquí tedes o resultado:


 Moitas grazas Iván por facer de reporteiro. 

¡¡¡E moitísimas grazas Alberto por agasallarnos coa música e co teu tempo!!!

Entroido Trobeiro

Como sabedes, este ano o proxecto vai da CONTORNA. Por iso no entroido, 3ºA e 3ºB decidiron poñerse na pel dos trobeiros medievais, concretamente na de un deles que facía a súa arte pola Ría de Vigo, e que fala da ILLA DE SAN SIMÓN na única CANTIGA DE AMIGO que del se conserva.
Trátase do trobeiro MENDINHO.
E así o fixemos:
Pero ¿sabedes o que é un TROBEIRO?
¿E unha CANTIGA DE AMIGO?

luns, 24 de febreiro de 2014

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro nace un día como hoxe do ano 1837.
A MÚSICA está sempre presente na súa obra, incluso cando non a nomea...
Se cadra esta é a razón pola que inspirou e segue inspirando a moitos compositores.
Pablo Rial Salgueiro, director do Coro Cantares do Brión converteu en canción algúns versos de Cantares Galegos. Foi no ano 2013.
O compositor Xoán Montés Capón (Lugo 1840-1899) xuntou o poema Negra Sombra, de Follas Novas, cun alalá recollido na Cruz do Incio.
Foi presentada por primeira vez no Gran Teatro da Habana no ano 1892.
Aquí é interpretada polo Coro Minero de Turón.

martes, 18 de febreiro de 2014

Músicos e Veciños

Coñecedes aos responsables da nova música da alarma? Pois son os integrantes da...
dirixida por Elisa Arias Trigo
interpetando 
PAPEPE'S BLUES 
unha peza que Juan Pérez Arias compuxo para o seu avó.
Con Roberto Alejandro González Vieitez no SAXO ALTO
Lucas Rafael Castellano Carrera no SAXO TENOR
e Eduardo Reguera Fernández na BATERÍA
Nestes anos pasaron pola Orquestra  moitos músicos ex-alumnos do noso cole, como por exemplo:
Luis Miguel Rodríguez Martínez            
Carmen e María Oitavén
Adrián Vilaboa           
José Carlos e Pablo Carnero Kheo Kao
Pablo Aguilar Pérez
Javier Pérez Villar ........     
Esta peza aparece no seu último disco que ten como título "EN SAX SIMÓN" 
porque foi gravado na Illa de San Simón.
E aquí tedes a peza completa.

xoves, 6 de febreiro de 2014

Recolleita de coplas populares

Estamos recollendo coplas populares que falen da nosa CONTORNA. Redondela, as súas parroquias, a súa xeografía...
Comezamos coas achegas das familias de 4ºA e 4ºB.
Se algún de vós coñece máis e quere compartilas con nós, podedes facelo a través dos COMENTARIOS.
¡¡¡¡¡Estaremos encantad@s de engadilas!!!!!


martes, 4 de febreiro de 2014

Musiqueamos

Irea, de 5ºB, musiquea co tambor. Faino na Asociación Cultural Santa María do Viso e o seu mestre é Josiño da Teixeira.


Íñigo, de 6ºA, tamén musiquea na mesma asociación, só que o seu instrumento é a gaita, e o seu mestre Manuel Cruces.


Pois ben, estes dous mestres son o tamborileiro e o gaiteiro de Tanto Nos Ten, o grupo co que entramos e saímos do cole ao comezo das clases.

 LEMBRADES?

domingo, 2 de febreiro de 2014

Sandra e Meirol en Xistralia

O martes 28 fomos ao Centro Cultural Novagalicia en Vigo.
Coñecemos a SANDRA, unha moza cantadeira do norte de Galicia que baixou ao sur para gozar da festa e da música de XISTRALIA
Tamén coñecemos a MEIROL, un caracol que se converteu en pluriinstrumentista coa axuda dos FASTUDOS, que saben tocar de todo….

¡¡¡E COÑECEMOS A TERCO!!!

TERCO é un dragón vermello de dúas cabezas, primo da nosa COCA, que mentres estabamos no auditorio raptou @s nen@s de Xistralia, a Sandra e tamén a COCA!!! O señor TAMBORILEIRO chamou a un amigo seu.

Tivemos que subir ao escenario con Gabriela e Sheila de 4º A e B, e formar parte das tropas danzantes baixo a dirección do CAPITÁN CENTOULO para liberalos.

En realidade, TERCO @s raptara porque se sentía so e quería festa. Claro, como nos pasa a tod@s…  Dámoslle as moitas grazas a Ana María García, mestra de música do cole de Chans - Bembrive, que andaba por alí e nos fixo de reporteira gráfica.

¡¡¡GRAZAS ANA!!!

xoves, 30 de xaneiro de 2014

A Paz

Moito escoitaremos estes días falar da PAZ.
Pero a paz é algo que ten que empezar no interior de cada un de nós, construíndoa os 365 días do ano.

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Músicos e Veciños

Este xaneiro, a música que nos acompaña nas entradas e saídas, é de MARÍA FUMAÇA, un proxecto musical no que participan moitos músicos.
Algúns deles son veciños, como Andrés e Tatán, do grupo TANXARINA.
Outra colaboradora é Irea, a nosa compañeira de 5ºB.

¡¡¡ALEGRÍA!!!




Alegría,uhhh!
Alegría, yes!
Cantemos como é bo
Ser alegre todo o día.

O día amanece;
E con el o noso sol,
Brillante e colorido;
Nun sorriso alto, astral.
As veces é a chuvia que nos ven despertar;
Mais sempre todo o día, a alegría vai estar.

Alegría....

Hai días que desperto
e síntome feliz.
Eu salto entón da cama,
eu quero ser máis feliz.
O día vai pasando,
e a alegría vou xuntando
a noite ven cegando,
a alegría esta sobrando.


Alegría..

mércores, 15 de xaneiro de 2014

Máis aguinaldos

1º A tamén pediu o aguinaldo coa cantiga "Mariñeiro". Mirade todo o que recolleron…

E así cantaron os dous primeiros xuntos o día do festival.


E se queredes lembrar as cantigas coas que pedimos o aguinaldo o ano pasado premede aquí:

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Rondalla "entre bastidores"

A pesar de que a palabra RONDALLA define formacións de instrumentos de corda, no sur da provincia de Pontevedra chámanse así as agrupacións de veciños que con instrumentos de vento e percusión percorren as parroquias nestas datas pedindo o aguinaldo.
Nós tivemos que construír algúns destes instrumentos, como os CRISTOS, as CASTAÑOLAS ou as CANAS.
Outros xa nolos regala feitos a natureza:
as PIÑAS, as CUNCHAS, as CABAZAS...
O resto debémolo á fabricación artesanal e industrial.
O vestiario, ás costureiras de 3ºA e 5ºA
 Se queredes ver outro vídeo da saída atoparédelo no blog de 5ºA: IMAXINAESCOLA

domingo, 5 de xaneiro de 2014

Rondalla

Este ano os 3ºs e 5ºs cursos decidimos pedir o aguinaldo dun xeito diferente:
TRABALLANDO TODOS XUNTOS, EN EQUIPO...
E montamos unha RONDALLA para saír a pedir o aguinaldo fóra do cole, polo barrio.

Cada un aportou o mellor que tiña para ofrecer.
As titoras formaron parte da rondalla como músicas, coordinaron horarios, cederon horas e recreos para ensaios...

Algunhas familias achegaron materiais para a construción de instrumentos...
Foi convocado un grupo de nais de 3º A e 5º A para montar un obradoiro de costura polas tardes onde se coseron máis de 65 capas!!! Ata reutilizamos a tea (anteriormente empregada como Río Alvedosa no entroido do 2011).

Raquel, que é de 6º veu con nós tocando a gaita. Iván, tamén de 6º acompañounos coa bandeira do cole e un pandeiro para recoller o que nos deran de aguinaldo.
Os 4ºs cursos axudaron na construción dos cristos.

REDONDELA ofreceunos a Don Casto Sampedro e Folgar  hai xa moito tempo, e da súa man chegou ata nós o agasallo de Vilar de Infesta feito melodía: a Marcha Procesional de Vilar de Infesta.

E cada un d@s pequen@s músic@s demostrou que sabe xestionar de maneira autónoma e responsable o tempo, os espazos e o traballo colaborativo, case sempre en horas de recreo.
Souberon diferenciar dende o principio os momentos de distensión e os de máxima concentración, atención e silencio.

O resultado foi o inmenso pracer de compartir a MÚSICA, de experimentar a forza do colectivo dende cada gran de area individual.



Luisa, Lydia, Cris, Alejandra, Uxía, fadas costureiras de 3ºA, familias e colaborador@s divers@s,
rondalleir@s

GRAZAS
GRAZAS
GRAZAS

Pedimos o aguinaldo

Como todos os anos por estas datas, cargámonos de cantigas e instrumentos e saímos a pedir o aguinaldo...
Así o fixeron os Sapiens



Así 1ºB



Tamén volvemos cargados...pero de doces para facer SUCULENTAS MERENDOLAS!!!!

Este ano 3ºA, 3ºB, 5ºA e 5ºB non pediron o aguinaldo individualmente, MIRADE AQUÍ

venres, 20 de decembro de 2013

¡¡¡BOAS FESTAS!!!

A cantar, tocar, bailar, brindar, bicar, abrazar...!!!

Non precisamos moita cousa para festexar.
Mirade se non aos VOCA PEOPLE.
Toda a festa que montan empregando só as súas voces:


¡¡¡ATA O ANO QUE VEN!!!